«Casa Grande de Fuentemayor, en Silleda, cumpre os 25 anos de vida»

Foi unha pioneira no turismo rural galego e da zona // Data de 1710 e tivo unha segunda vida cando Marina Mosquera a decidiu remodelar no 1995 // Hoxe recibe tanto a peregrinos, como a turistas nacionais e estranxeiros.

Marina Mosquera xunto ao seu home José Maril, inauguraban hai 25 anos a que foi unha das primeiras casas de turismo rural en Galicia, e das poucas de categoría A por aquel entonces. Referímonos a Casa Grande de Fuentemayor, ubicada no Lugar de Cobas nº2, en Silleda. Data do ano 1710 e Marina deulle unha segunda vida en 1995 cando decidiu facer unha reforma integral. Foi unha herdanza familiar e estaba inhabitable.Miña nai estaba a usala para gardar as vacas, explica María Maril, filla dos donos, e que actualmente traballa na casa. Por aquí pasaron moitas personalidades, supoño que en parte porque era unha novidade e non había moitas opcións de aloxamento pola zona, comenta María. De feito a inauguración lémbrana como todo un acontecemento: Estiveron varios políticos entre eles Manuel Fraga Iribarne, presidente naquel momento da Xunta; Dositeo Rodríguez; conselleiro de Presidencia da Xunta; Xesús Palmou, conselleiro de Xusticia e Interior; Francisco Bobadilla, secretario de Turismo; Antonio Couceiro, conselleiro de Industria; César José Mera Rodriguez, presidente da Deputación de Pontevedra e Juan Salgueiro; alcalde de Silleda, entre outros.

O pasado día 11 Casa Grande de Fuentemayor cumpriu 25 anos, en medio da pandemia do covid-19 nunca estivemos tanto tempo pechados, lamenta María. E é que só cerran o Día de Nadal, a pesar de que o verán é a época máis forte. De novembro a febreiro hai menos afluencia de clientes, con todo, o programa da Xunta para reactivar o turismo rural, Outono gastronómico, axúdanos moito. Tamén as fins de semana hai máis traballo, comenta.

Cando chegan os meses de abril, maio e xuño é cando reciben máis peregrinos e xa no verán abunda o turismo nacional e algún que outro estranxeiro. Tamén é a época na que están completos con eventos como vodas, bautizos, comuñóns ou reunións de empresas. E é que esta casa silledense conta cun amplo salón que pode albergar ata 170 persoas e con outro máis pequeno, no que adoitan facer comidas ou ceas de menos comensais. Tamén alberga nove habitacións de distintas categorías con baño, e quizais un dos maiores atractivos é o xardín, no que pode verse unha pérgola que se renovou o ano pasado para facer grandes eventos, un hórreo e dúas piscinas para nenos e adultos.

Algo positivo que viviron en primeira persoa ao longo destos 25 anos foi o auxe do Camiño da Prata, que pasa polo municipio. Ao principio non había tantos peregrinos, de feito non hai tanto que empezou a afluencia de camiñantes. Haberá uns seis ou sete anos cando se empezou a promocionar o Camiño da Prata, que temos aquí, cando notamos o cambio, asegura María. De feito nos últimos anos naceron moitos negocios de turismo rural na zona porque foi o momento no que apareceron as axudas.

A pandemia do coronavirus está a xerarlles agora gran frustración, posto que non saben cando se volverá a normalidade e non teñen claro que haxa moitas reservas este verán. Estamos pasando uns meses difíciles, albergamos a esperanza de que todo se resolva e se reanimen os negocios de hostalaría, pero creo que non será antes dun ano, sinala María Maril. Agora, como habitan na casa, están a aproveitar a cuarentena para limpar a fondo e para arranxar desperfectos. Hai moitas cousas que non podemos facer con xente e agora é o momento. Non nos aburrimos.

 

Copyright © 2020 | Casa Grande de Fuentemayor